Na curtametraxe é sorprendente o contraste entre a persoa que é e a que foi o mendigo protagonista. Antes era un mozo pai de familia, con toda a vida por diante, co amor da súa filla. Agora é un home destruído, sen futuro, solitario. O contraste entre estes dous momentos, o feliz e o infeliz, fainos pensar que algo malo pasou, algo que obrigou ao home a abandonar o seu proxecto vital (quizais un erro, unha equivocación, unha fatalidade). A imaxe que se proxecta na televisión é un vídeo familiar que recolle un breve instante de nadal, os espectadores enseguida captamos a forza do segundo capturado pola cámara.

O director:   
Nuno Rocha xa con tan só tres producións é un dos creativos máis recoñecidos do formato curtametraxe. Ben sexa porque ten esa capacidade, que xa quereríamos moitos, de reducir unha historia persoal a uns poucos minutos, carecendo de todo diálogo, ou ben porque a súa obra explora a singularidade dos suxeitos que se encontran, pero que non pasan de largo senón, que se miran, que se proban, que se superan e que, sobre todo, constitúen a composición de si mesmos e dos outros. 

Non hai dúbida de que Rocha é un dos referentes inmediatos da sensibilidade fílmica. A  proba de iso é o grande recoñecemento que recibiu a súa obra.