Viaxe polo patrimonio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés a través dos seus seis concellos (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños) na procura de relatos en primeira persoa sobre formas de vida, oficios e festexos, e atopa elementos patrimoniais que, xunto coas serras, ríos e monumentos, definen e outorgan identidade a este territorio nun proceso etnográfico e audiovisual de recollida do patrimonio inmaterial vivo.

Illa Bufarda. 
Nun punto latitudinal do Mar Cantábrico que coincide cun eixo lonxitudinal do Océano Atlántico, emerxeu no 2012 unha pequena superficie de terra que se deu en chamar Illa Bufarda [ˈiʎa̝ buˈfaɾða̝]

Foi albiscada, no instante no que aflorou, polas súas primeiras habitantes: Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Pasado o tempo, no ano 2019, Pilar Abades, chega á illa para habitala. 

O nome deste novo territorio fai referencia ás pequenas xanelas das tradicionais construcións galegas polas que se filtran os raios de luz: as bufardas, a través das cales podemos encadrar historias, imaxes, paisaxes e un sen fin de realidades e ficcións. Illa Bufarda é un territorio creativo que medra co tempo con cada proxecto que agroma na súa superficie. O seu clima caracterízase durante todo o ano por abundantes tormentas de ideas e temperaturas atmosféricas moi expresivas. 

O ecosistema é tan diverso en fauna e flora coma os imaxinarios que a transitan. As habitantes da Illa Bufarda comunícanse principalmente co audiovisual, linguaxe que abrangue moi diversas expresións: animación, fotografía, deseño... coas técnicas máis acaídas para cada proxecto.