Na asociación Ghorghalado, organizadora da Mostra de Cinema do Rosal, decidimos no ano 2024 comezar a premiar as mellores curtas ou aspectos determinados delas. Desde o primeiro momento tivemos moi claro que non podíamos entregar calquera cousa, que necesitabamos algo que identificara á asociación, á Mostra e que fose un motivo vencellado á nosa terra, nosa cultura e noso patrimonio.
 O símbolo, o logotipo, xa existía
de antes, desde a fundación da asociación. Só necesitabamos un soporte
diferente para poder entregalo. Enseguida nos decatamos que, por forza; tiña
que ser pedra. Foi desde esta premisa que deseñamos o trofeo.
Co deseño feito tratábase de
encontrar un artesán da pedra que nos fixese un esbozo para ver a realidade do
que ata entón só era un debuxo no papel. 
Podíamos empezar a buscar por
outro lado, pero quixo a fortuna que comezásemos por Arcozelo, ao carón de
Ponte de Lima, terra de canteiras e canteiros. 
        
         Podíamos empezar a buscar por
outro lado, pero quixo a fortuna que comezásemos por Arcozelo, ao carón de
Ponte de Lima, terra de canteiras e canteiros. 
Foi así como chegamos ao taller
de Granitos João Costa. Foi así como demos con 
João Maria Teixeira. 
Apenas explicamos o que queriamos
e xa nos entenderon, tan só unhas breves aclaracións sobre o tamaño e moi pouco
máis. Recordamos perfectamente a frase: “como aparece no papel, máis ou menos,
de 15 ou 18 Cm de alto e cos bordes non cortantes”. 
          
E así foi! 
          
O resultado non puido ser mellor.
João Maria Teixeira captou perfectamente a idea e ata tivo o detalle, non
pedido por nós, de pintar en dourado o fundo do labirinto, o que o fai
contrastar co granito de Ponte de Lima. 
          
Está é a pequena historia do
trofeo que entregamos ás gañadoras. Da arte e as mans do escultor saen uns
trofeos totalmente artesáns, todos moi parecidos pero todos diferentes, pois
así é a verdadeira artesanía. É así como cada curta gañadora recibe unha peza
orixinal, única e diferente.  
        
 O escultor.
João Maria Teixeira é moito máis
ca un canteiro. Chega con ver unha mínima parte da súa obra para se decatar de
que é quen de facer o que sexa. Desde algo tan pequeno coma o noso trofeo ata
obras de grande tamaño. 
          
Unha visita ao seu taller, en
Granitos João Costa, en Arcozelo, sempre trae algunha sorpresa. Tanto está a
comezar un San Jorge como rematando un escudo ou un peto de ánimas.  João é 
o último escultor de Arcozelo. Hai aínda moitos canteiros que traballan
magnificamente con máquinas, pero quen faga o que fai  João Maria coas mans, non. 
          
Que mellor pode falar del non
somos nós, é a súa obra: