Nunha mañá como tantas outras o sol levántase preguizoso,
para abrir paso á vida da cidade. Con certa vaidade vai enchendo de luz todos os
espazos de la rlaza do Carme, revelando que o tempo sempre deixa pegada nos
lugares e nas persoas que os habitan.
Amparo espertou feliz, como todas as mañás
desde que ten a Pierre na súa vida. Desde que se casaron xa pasaron máis de 60
anos. Ela prepara o almorzo, el le o periódico, e logo, mediada a mañá, vanse xuntos
a facer a compra para preparar a comida; o que realmente é unha artimaña de
Amparo para arrancar do sofá a Pierre e
obrigalo a tomar un pouco o sol, os médicos dixéronlle que lle iría ben saír un
pouco.
Sentan moi xuntos no amplo banco da praza, gustan
de estar preto un do outro, aínda que
Pierre odia admitilo e sempre di que son cousas de Amparo.
Nese instante de serenidade en que o sol roza
as súas caras, o mundo deténse e temos ocasión de ver como o universo xira en
torno a estes vellos amantes, que pese as adversidades da vida e grazas ás súas
bondades, seguen xuntos. É moi certo que el xa ten esquecido moitas cousas,
pero tamén é certo que ela non ten esquecido ningunha.