castelán?

Este é o xurado da IV Mostra de cinema do Rosal

Carlos Villanueva

Concelleiro de cultura do Rosal. Representa á administración patrocinadora. 
Músico. Profesor de bioloxía e xeoloxía no IES Antón Alonso Ríos. Natural de Bueu, é veciño do Rosal desde 1995. 
Desde sempre vinculado ao mundo da cultura, fundamentalmente a través da música. Como músico tocou en grupos de rock de Vigo nos anos 80. Forma parte desde o ano 2000 do grupo De Outra Margem, de música galego portuguesa, toca na Banda da AMdoR desde 2009 e no grupo de música tradicional Vos Carballas desde o ano 2012.
As súas inquietudes culturais sempre estiveron ligadas ao mundo da música. Ademais, entre o 98 e o 2001 formou parte do equipo de redacción da revista Río, editada pola Asociación Eliseo Alonso. 

Gon Caride

Guionista e director. Estudou Comunicación Audiovisual en Salamanca e aos 25 anos foise a Nova York onde estudou realización e dirección de fotografía.
Nos últimos 15 anos desenvolveu o seu labor profesional como Director, Guionista, Montador, Director de Fotografía e Produtor nos Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Francia e España.
As súas tres curtametraxes narrativas como director e guionista foron seleccionadas en máis de 200 festivais internacionais (Festival de Málaga, Festival de Cinema de Zaragoza, Bolton International Film Festival etc..), viaxando por máis de 35 países e recibindo máis de 30 premios a mellor dirección, mellor guión, mellor curtametraxe, mellor montaxe e mellor director de fotografía en festivais de dentro e fóra das nosas fronteiras.
En 2023 traballou como director da segunda unidade da serie Rape, producida por Portocabo e Movistar+ e protagonizada por Javier Cámara. Na actualidade está inmerso no desenvolvemento da súa primeira longametraxe e xunto á produtora Filmika Galaika, prepara "Un Novo Día", unha curtametraxe sobre a inmigración, o racismo e as súas consecuencias que investiga, experimenta e profunda nas posibilidades da accesibilidade creativa no medio cinematográfico. 

Alberte Alonso

Fotógrafo. Autodidacta e independente. Despois dun primeiro contacto coa fotografía nos anos 80, é a partir de 2012 cando realmente implícase. Desde entón, dedícase a percorrer o espazo público e ser testemuña no que nel acontece.
Fixo cursos e talleres con renomeados fotógrafos como Rafa Baía, Nicolás Combarro, Cristóbal Hara, José Manuel Navia, Eduardo Momeñe, Walter Astrada e Óscar Molina, entre outros.
As súas imaxes foron publicadas en medios escritos e dixitais e foron expostas en salas de cidades galegas como Vigo, Santiago, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, e a nivel internacional en Lisboa, Miami, San Francisco, Londres e Milán.
En 2016, xunto con outros tres fotógrafos, fundou Quitar Fotos. Un espazo de reflexión, diálogo e difusión de propostas visuais de rúa e documentais.
Mencionado por Xataka Foto, Lensculture ou Rubexiphotocomo un dos fotógrafos que merecen ser seguidos. 

Elena Alonso

Achega unha óptica diferente ao xurado. Vinculada desde hai anos ao Colectivo San Roquiño, non só actúa nas súas producións, tamén é coautora dos guións de moitas delas, maquilladora e modista.
Conta cunha traxectoria  profesional de 30 anos como deseñadora de roupa en diferentes firmas galegas e máis de 20 anos como responsable do departamento de compras nunha empresa do sector téxtil.
Polifacética como poucas, sempre está disposta a botar unha man en calquera actividade cultural. É a presidenta do Centro Goianés, de gran actividade cultural (teatro, concertos, exposicións, presentación de libros...). Colabora tamén co entroido de Goián e baila. Dela pódese dicir que se se trata de expresión cultural, apúntase a todo sen facer distinción. 

Xoán Gándara

Representa á asociación Ghorgholado, organizadora da Mostra.
Leva na organización da Mostra de cinema do Rosal desde o comezo. Cinéfilo, autor dalgunha curta. Desde sempre interesado pola cultura. 
Cando ten tempo escribe.